Citilab - Cornellà
Observatorio para la CiberSociedad
Espacio para la reflexión, el análisis y el debate sobre
el ciberespacio desde las ciencias humanas y sociales

Reseñas OCS

[publicar una nueva reseña]
[ver lista de reseñas]


Jordi Mas, 2007, Software libre. Tecnicamente viábel, economicamente sostíbel e socialmente xusto.
Coruña: Biblos

Autor/-a de la reseña: Fernando Garrido Ferradanes



Falar de Software Libre hoxe en día é acudir a un “lugar común” daqueles que levan tempo traballando con ou para a tecnología. Porén, a nível social e grazas a unha interesada labor de confusión e desinformación levada a cabo por axentes interesados no software privativo (pechado ou propietario), a presenza deste software é moi limitada, tanto no que fai referencia ao uso efectivo nos usuarios finais, coma no que fai referencia á presenza mental ou imaxe social deste software.

Traballar esta imaxe social, derruír unha serie de construccións entorno a este concepto e difundir os usos e aplicacións do tamén coñecido como Open Source son os tres obxectivos principais do texto de Jordi Mas. Para isto, o método escollido polo autor é partir da Historia e da teoría, buscando aquí a lexitimidade e a autoridade que poida convencer aos máis recelosos, para rematar na praxe, porque o software non é máis (nin menos) que unha aplicación que atopa na súa utilidade e eficacia a súa razón de ser.

Neste senso, (re)constrúese a historia social da rede, situando e sinalando a importancia que o Software Libre xoga na configuración do ecosistema que actualmente xira entorno á Internet. A propia arquitectura da rede susténtase sobre protocolos e linguaxes abertas, como poden ser os DNS ou os protocolos TCP / IP, por non falar do elevado número de servidores que corren baixo sistemas operativos “abertos”. En definitiva, o software libre é unha parte fundamental e imprescindíbel no funcionamento da rede.

Nun segundo termo, amósase a praxe: a cantidade de aplicacións que corren baixo código aberto ao igual que se analizan os casos dunha serie administracións que integraron nas súas políticas o software libre, como pode ser o caso de Extremadura. Mais todo este discurso e argumentación tan atractiva corre o risco de ficar simplemente como tal. Para evitalo, o libro ven acompañado dun CD que inclúe un paquete ofimático “Open Source” (as principais aplicacións que empregamos nas nosas computadoras) chamado “Open Office”. Sen dúbida, logo de ler e reflexionar sobre diferentes aspectos vencellados ao código, esta invitación proactiva a, cando menos, experimentar qué hai detrás deste movemento achegará a moitos a un xeito diferente de ollar a tecnoloxía.

En definitiva, estamos ante unha obra especialmente recomendada para unha primeira aproximación ao software libre, tanto polo didáctico da obra como polo sistemático da análise. Máis é esta, asemade, un libro que non pode faltar no andel dos que militan nesta fronte e dos que tentamos comprender a importancia e relevancia dos cambios sociais que veñen da man da Sociedade da Información.


----------------------------------
O libro de Jordi Más está dispoñíbel na rede de balde. Pódese descargar dende a súa web: http://www.softcatala.org/~jmas/swl/index-ga.html

Reseña publicada no suplemento de libros PROTEXTA da revista Tempos Novos no seu número 1.